Baía Edicións

Galego | Castellano | English

Compostela reúne 600 expertos en literatura infantil

2010-09-08

Compostela acolle dende hoxe o XXXII congreso do IBBY (International Board on Books for Young People), o acontecemento literario máis importante no mundo editorial da literatura infantil e xuvenil. Este encontro, que contará coa participación de destacados expertos deste sector, reúne até o próximo domingo preto de 600 congresistas en Santiago.

 

O IBBY é unha agrupación non lucrativa incorporada á Unesco e Unicef composta por persoas de todo o mundo comprometidas co encontro dos nenos e mozos cos libros. Así, traballan en distintos países con nenos que veñen de sufrir situacións de guerra ou desastre –actualmente operan en Afganistán, Haití, Gaza, Colombia, Indonesia, China, Líbano e Perú–e leva a cabo diversas actividades culturais. Unha delas é este tipo de congresos internacionais que bianualmente se celebran en diversas cidades do mundo. Compostela gozará desta prestixiosa cita editorial este ano 2010, tanto pola súa importancia histórica e artística como por ser Ano Xacobeo. En España a representación do IBBY asúmea a Oepli (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil), polo que tomou o compromiso da organización deste importante evento. O lugar escollido é o Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago pola súa “amplitude e modernidade”.

 

O lema que abandeira este congreso é A forza das minorías. Con el, o IBBY pretende integrar debates e reflexións ao redor da cuestión das minorías no mundo da literatura infantil e xuvenil. Dende o IBBY cren que “o tema xeral ten un enorme interese para reivindicar a importancia das minorías nun mundo global”. O cartel do congreso de Compostela está dese­ñado polo ilustrador galego Xan López Domínguez, un dos autores da cominidade con maior repercusión no ámbito internacional.

 

A presentación do Congreso tivo lugar onte na Bilblioteca Ánxel Casal, coa presencia de Patricia Aldana, a presidenta do IBBY; a comisaria do Congreso, Henrike Fesefeldt; María Jesús Gil, presidenta de Oepli, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. Aldana resaltou que cando hai un conflicto “sempre son os nenos os que máis perden, e nós axudámolos a través da lectura”. Tamén subliñou que “non somos unha organización rica, non temos poder, pero si ideas”. Fesefeldt comentou a calidade e solidez do programa. Pola súa banda, Francisco López afirmou que en Galicia estase levando a cabo “un gran traballo de calidade na literatura infantil e xuvenil”.

 

O Congreso promete conferencias, mesas redondas, exposicións, obradoiros, sesións de comunicación, teatro, música e conferenciantes das máis diversas nacionalidades. Especialmente interesante será a entrega dos Hans Christian Andersen –chamados tamén os “pequenos Nobel”– que terá lugar o sábado e premian a contribución dunha obra completa á literatura infantil. Tamén cómpre mencionar a entrega dos afamados premios Ibby - Asahi que premian a persoas e institucións pola súa contribución significativa en forma de programas de promoción da lectura e da literatura para nenos e mozos.

 

Fonte: Xornal.com

Volver