Educación valorará o seu éxito entre os mestres coas eleccións sindicais
O curso escolar iniciarase o próximo venres mentres que á Consellería de Educación dirixida por Jesús Vázquez se lle poñen en contra diversas frontes abertas. A volta ás aulas coincide este ano coa entrada en vigor do decreto do plurilingüismo así como coa ameaza de moitos mestres de insubmisión á norma. Ao conflito lingüístico súmaselle tamén o enorme malestar derivado dos recortes acometidos pola consellería no número total de mestres así como dos centros educativos.
A todo isto hai que sumarlle que no mes de decembro, previsiblemente o día 2, haberá eleccións sindicais nos centros de ensino, algo que este ano cobra especial relevancia. Segundo apuntan fontes do entorno da consellería de Educación, tanto o conselleiro como o propio secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mirarán moi de cerca os resultados xa que se traducirán nun indicador de se as súas políticas van ou non ser apoiadas polo profesorado.
A súa visión é que un repunte dos sindicatos máis progresistas así como daqueles que foron especialmente activos na loita contra o decreto –nomeadamente a CIG– sería un mal indicador.
O secretario xeral de CIG Ensino, Anxo Louzao, apunta que como primeira forza sindical dentro do ensino galego, cunha representación do 40% , esperan ter un gran apoio por parte do profesorado. “Esperamos que os profesionais do ensino sexan conscientes das diferenzas da CIG co resto de sindicatos, somos unha central galega e galeguista”, engade.
Segundo Louzao, as apreciacións que se fan a nivel interno dentro da consellería non son ningunha sorpresa. “Fomos sempre unha preocupación para eles, tanto agora con este Goberno como nos outros. Ademais, hai que darse conta de que estamos ante unha situación excepcional porque o que ocorreu este curso nunca pasou na historia. Ademais de todos os intentos privatizadores dentro do ensino por parte do Goberno galego, a CIG foi o único dos tres grandes sindicatos que, dende o principio, foi adiante coa folga contra o decreto, mentres que CC OO e UGT uníronse á convocatoria dous días antes”, reflexiona.
Pola súa banda, dende o STEG, o Sindicato dos Traballadores e Traballadoras do Ensino, un dos seus dirixentes, Pepe Cabido, opina que “haberá unha repunta dos sindicatos galeguistas ”. Para o sindicalista, “está é unha proba de lume e creo que os mestres serán conscientes. Coido que a xente vai votar os sindicatos que foron máis críticos”.
Con todo, Cabido espera que o Executivo galego se manteña o máis afastado posible de todo o proceso electoral. “Calquera sabe que ten que manterse á marxe, aínda que sabemos que dende a Xunta hai relacións dun determinado sindicato do que é membro un responsable da Administración”, explica. “Todo o que fixo ata o de agora a consellería fainos pensar que nós seguiremos crecendo coa nosa liña ascendente”, comenta. Na actualidade, o STEG ten unha representación sindical nos centros de ensino de algo máis dun 10%.
FRONTES ABERTAS
Para as centrais sindicais, o curso que comeza é especialmente preocupante, non só pola aplicación do novo decreto do galego –que está recorrido ante os xulgados pola CIG e a propia Real Academia Galega– senón porque, na súa opinión, as políticas que se están a seguir “son claramente favorables ao ensino privado fronte ao público”. Os sindicatos están a ser especialmente críticos co peche por parte do Goberno da Xunta de centros educativos e unidades escolares en diversas zonas de Galicia, o que se traduce nun recorte no número de profesionais. “Educación recorta o número de profesores mentres que segue subvencionando colexios que segregan por sexo, tanto na Coruña como en Vigo”, denuncian dende a CIG.
Fonte: Xornal.com