Os editores denuncian o “enorme atraso” nas axudas da Xunta ao sector
O presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, criticou “un enorme atraso” no pagamento de contratos que asina anualmente coa Consellería de Cultura para a adquisición de novidades bibliotecarias, á vez que denunciou que a Xunta “non adquirira ningún libro editado en 2009” para este tipo de centros. Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, Bragado asegurou que os editores de libro galego viven “un momento complicado” xa que as subvencións de Política Lingüística “tampouco foron aínda adxudicadas”, nunhas axudas que, segundo asegurou, “decreceron este ano un 50%”.
Neste sentido, reclamou á Xunta que os contratos se asinen “con maior celeridade” para “cambiar” unha situación na que houbo “unha diminución” nas vendas en “practicamente todos os ámbitos” da edición, de “entre un 10 e un 15%”.
Así, apuntou que o sector “estratéxico” da edición achega uns 300 empregos directos e “varios milleiros” indirectos cunhas cifras de facturación anual “duns “30 millóns de euros”. Por iso, resaltou a “enorme preocupación” para as empresas “que teñen unha menor capacidade” no referente á incerteza sobre o pagamento de axudas da Administración galega. Ademais, alertou de que “haberá menos fondos públicos” para a letura en 2011, polo que reclamou un exercicio de “corresponsabilidade” da sociedade galega coa compra de obras en galego. “As sociedades con maior índice de lectura son as que teñen maiores índices de benestar”, sentenciou.
No referente á aplicación do decreto do plurilingüismo no ensino, resaltou que o sector da edición de libros educativos “recibiu un importante impacto” con este texto que “reduce o mercado que tiña o libro en galego”.
Fonte: Xornal.com