Tres homes e unha soa muller entran na Real Academia Galega
Segue o Xogo das cadeiras?
Xosé Enrique Costas, Gonzalo Navaza, Antón Palacio e Ana Isabel Boullón, novos académicos // Os tres primeiros son profesores da Universidade de Vigo e ela é docente da USC
Os profesores da Universidade de Vigo Xosé Enrique Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio, así como a docente Ana Isabel Boullón, da Universidade de Santiago de Compostela; ingresaron na Real Academia Galega (RAG).
Os docentes incorpóranse co obxectivo de fortalecer a sección de lingua e traballar en temas como a toponimia, a gramática, a onomástica ou a sociolingüística.
Xosé Henrique Costas, que é vicerrector de Extensión Universitaria, explica que esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo entra na RAG e destaca o feito de que "de golpe" o fixeron tres. Así, considera que este logro é motivo de satisfacción pero tamén unha constatación do nivel científico que a institución ten en ámbito humanístico, o cal "non ten nada que lle envexar a outros".
"Somos unha universidade nova pero con moita potencia e aínda teremos máis porque se están a facer ben as cousas dentro da época que atravesamos", estima costas.
Os tres novos académicos procedentes da institución viguesa pertencen ao Departamento de Filoloxía Galega e incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da RAG. Así, Navaza e Pazo entrarán no Seminario de Onomástica e Costas no de Sociolingüística.
Xosé Enrique Costas --especialista en sociolingüística das linguas europeas minorizadas-- considera un "orgullo, unha honra e unha gran responsabilidade" entrar a formar parte da máxima institución cultural do país". Así, recordou que a RAG é centenaria, sobreviviu ao franquismo e "hoxe se afianza como centro difusor de saber en lingua galega e como institución que defende a lingua contra os ataques que vén sufrindo nos últimos anos".
Pola súa banda, Gonzalo Navaza --experto en toponimia, antrotoponimia e onomástica, ademais da súa carreira como escritor-- tamén mostrou a súa satisfacción, ao tempo que, no que respecta á actividade a desenvolver na Real Academia, avogou por "continuar co dicionario de apelidos galegos".
En canto ao catedrático Antón Palacio --convalecente tras unha recente operación-- é membro da Comisión de Toponimia e membro fundador da Asociación de Tradutores Galegos.
Fonte: galiciahoxe.com