Un total de 16 editoriais galegas amosan as súas propostas no Congreso IBBY 2010
Dende mañá día 8 de setembro e ata o vindeiro día 12, o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago acolle a 32º edición do International Board on Books for Young People (IBBY). Trátase dun congreso internacional e con carácter bianual no que participarán máis de medio milleiro de persoas de todo o mundo que traballan no eido da edición e difusión da literatura infantil e xuvenil.
Ademais dos relatorios, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia.
Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra "A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías". Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega de tódolos tempos que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.
IBBY
No programa do Congreso integraranse canda os relatorios de especialistas en temáticas concretas relacionadas coa literatura infantil e xuvenil, outras actividades como son a Entrega dos Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura de 2010 ou a Gala de entrega dos Premios H. C. Andersen de 2010.
Fonte: AGE