Cando os restos dun furacán se converten en esculturas
Os chineses empregan a mesma palabra para definir crise e oportunidade. O escultor Enrique Tenreiro recolleu esa idea para levar a cabo as obras que compoñen a exposición de escultura Ne va plus, elaboradas cos restos de carballos e cipreses derrubados polos furacáns Cinthia e Klaus, que asolaron Galicia os pasados meses. A mostra, aloxada na galería de arte da Coruña Arte Imaxe até o vindeiro día 3 de setembro, proponlle ao visitante unha combinación de escultura con xilografías, “representacións en dúas dimensións das pezas expostas”, en palabras do autor.
Tanto as obras como os seus títulos representan os diferentes estados de ánimo do artista, dende o orgullo até a tristeza, sentimentos representados polas curvas. Enrique Tenreiro engade a este respecto que “o único claro na vida son o nacemento e a morte, a única liña recta na vida. O resto, o que hai polo medio, flutúa, por iso na miña obra a forma básica é a curva”. Obra elaborada mediante unha gubia e unha maza, nun traballo que perfectamente lle pode levar unhas corenta horas por escultura. “Supón un gran esforzo físico e moita dor de brazos”.
Entre as pezas expostas, todas elas “punto intermedio” entre o figurativo e o abstracto, as que máis éxito están a ter entre os visitantes son Que más me quieres ou A vida en Fénix, malia que Tenreiro se magoa de que “entra pouca xente na mostra, menos que nunha tenda de roupa”. “E é que quen entra aquí”, engade, “é alguén moi exclusivo, máis que o que monta a cabalo, por exemplo”. Ademais, o escultor láiase da crise, engadindo que “non se está a vender demasiado ben”, ata o punto de que está decidido a doar as dúas ou tres obras que considera que están máis “logradas” ao dominio público.
A mostra complétase, como complemento, cunha serie de xilografías, elaboradas tamén polo propio Enrique Tenreiro e que “están vinculadas ás esculturas, malia a que están nun segundo plano con respecto a elas”.
ILUSTRES DEVANCEIROS
A familia do artista foi durante moito tempo unha das máis ilustres da cidade. O seu avó era o arquitecto municipal Antonio Tenreiro Rodríguez, responsable, entre outros, do edificio no que hoxe se atopa a oficina principal do Banco Pastor da Coruña. Tras a Guerra Civil, sería expulsado do seu posto, “salvando a vida grazas á súa amizade con don Pedro Barrié de la Maza”.
Outro antepasado importante de Enrique Tenreiro foi Ramón María Tenreiro Rodríguez, periodista, xefe da sección de política do diario El Sol. A outra faceta na que destacou o tío avó do escultor foi a da política. Deputado e amigo de Manuel Azaña, “Díaz Pardo definiuno como o primeiro exiliado que houbo en Galicia trala chegada de Franco”, afirma Enrique Tenreiro.
Pola súa parte, o tío do artista, Antonio Tenreiro Brochón, foi no seu momento un destacado pintor finado o mesmo día no que se lle concedía ao seu avó o Premio de Arqueoloxía da Coruña, explica o sobriño do pintor.
Fonte: Xornal.com