Presentación do libro 'Prenderei a lareira' na tradicional festa de Ferramulín
POESÍA, MÚSICA GALEGA, POLBO E BOLOS CELTAS NA PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE AGOSTO EN FERRAMULÍN. Despois da tradicional partida de bolos celtas, Vicente Reboleiro reuniu no campo da festa toda a veciñanza e fixo a presentación do seu libro 'Prenderei a lareira', na que se leron poemas que homenaxean o seu Courel sentido, vivido e amado, con esa rica linguaxe courelá, harmoniosa e musical, que nos transporta ao seu mundo, seguindo a tradición do seu mestre, Uxío Novoneyra. Houbo bágoas de emoción das veciñas e veciños, que vían os seus nomes e costumes inmortalizados neste seu libro que xa no poema preliminar é toda unha declaración de intencións: 'Prenderei a lareira' / 'e arderei de amor' / 'aos devanceiros'. Felicitar a veciñanza por ser quen de organizar por segundo ano consecutivo a tradicional festa que levaba máis de 30 anos sen celebrarse e na que, ademais da alborada, misa de campaña e sesión vermut, puidemos gozar do campeonato de bolos celtas, poesía, gaitas galegas, polbo e a popular verbena. Ao final da presentación, Uxío, un rapaciño de cidade que descubriu esta terra e xa non pode facer outra cousa que querela, leu un poema do libro que representa moi ben o que alí ocorreu: A PATRIA: 'ARREDOR do lume da lareira' / 'soaban as gaitas galegas, danzaban as lapas,' / 'brincaban as moxenas!' (2010)









