Baía Edicións

Galego | Castellano | English

Feijóo contrata empresas de fora de Galicia con cartos dos 230.000 parados galegos

2010-03-12

A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón, defendeu hoxe, no Parlamento galego, unha Proposición non de Lei sobre a organización da Feira das Industrias Culturais CULTURGAL no ano 2010 que foi rexeitada polo g.p do Partido popular.

A deputada do BNG, lamentou que o Partido popular non aceptara a cidade da Coruña para a celebración do próximo CULTURGAL e a falta de compromiso orzamentario para un evento, que cualificou de “grande éxito” en edicións anteriores.

Neste sentido, explicou que, a celebración do CULTURGAL durante os anos 2007 e 2008, tivo unha acollida moi favorable entre as industrias culturais, resultando ser un importante apoio para as asociacións do audiovisual pero, “no ano 2009, a actual Consellaría de Cultura e Turismo decidiu suspendelo alegando falta de recursos para a súa organización”.

Ana Pontón lembrou que no pasado período de sesións, o BNG presentou unha iniciativa na que se instaba a Xunta de Galiza para que no ano 2009 se celebrara o CULTURGAL, baseándose nos anos 2007 e 2008 como “fito importante” na política de promoción, proxección das industrias culturais e elemento dinamizador da cultura galega.

Ademais, considerou que con este evento celebrado no ano 2007 co Goberno bipartito, “a Xunta apostaba por visibilizar as industrias culturais galegas dándolle impulso no ano 2008 con gran afluencia de público” e acusou a Consellería dirixida por Roberto Varela de ter cometido “un erro” no ano 2009 por non seguir apostando por esta iniciativa.

Pontón engadiu que o Partido popular no ano 2009 argumentou, non contar con recursos nin tempo para organizalo pero a concellaría de Cultura de A Coruña foi quen de poñer en marcha esta iniciativa baixo o lema “Achegarte”, sendo outro “rotundo éxito” con máis de 40.000 visitantes.

Na súa intervención, Pontón reclamou unha rectificación da política da Xunta por considerar que as industrias culturais galegas son “un elemento dinamizador dando traballo a máis de 26.000 persoas e representando case o 2% do PIB, ademais de contar cun gran potencial de creación”.

Pontón denunciou que na actualidade, e en plena crise económica, “a Xunta de Galiza edite libros con editoriais foráneas”, cando existen en Galicia empresas que realizan esta actividade e acusou ao portavoz de cultura do PP, Ignacio López Chaves de “manter unha postura belixerante co idioma galego e coa anterior conselleira”, Ánxela Bugallo, promotora do CULTURGAL.

Pontón reiterou as súas criticas ao actual Conselleiro de Cultura por non apoiar ás industrias culturais nin aos artistas galegos e segue ofendéndonos dixo- cando se refire á cultura galega como “unha cultura acomplexada” ou ao “desván de los monjes”.

A deputada do BNG afirmou que o Partido popular “segue obsesionado” cos éxitos do Bipartito e esa foi a razón pola que decidiu suspender a celebración do CULTUGAL e agora pretenden cambiar tamén a sede sen ter en conta que “ter unha sede dimensiona este evento”.

A Proposición non de Lei nacionalista que pretendía un compromiso orzamentario para a celebración do CULTURGAL e o mantemento na cidade da Coruña como sede, foi rexeitada polos populares.

 
Ver máis novas