A Agadic ‘empresta’ o Salón Teatro para a promoción de discos galegos
A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) presentou onte o programa ST Música Presente, no que cede o seu escenario no Salón Teatro de Santiago para que os grupos galegos poidan promocionar os seus traballos discográficos mediante actuacións en directo. A primeira será o o vindeiro 18 de marzo, cun concerto do grupo Linho do Cuco, e seguirán, ata finais de abril, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa e Bellón Maceiras Quinteto.
Este ciclo pretende contribuír á difusión da música galega desde unha perspectiva de promoción comercial, xa que os principais destinatarios dos concertos de ST Música Presente serán programadores culturais, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais, tanto galegos como de fóra de Galicia.
A iniciativa, deseñada e promovida pola Agadic en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), comeza centrada en grupos de folk, canción de autor e jazz, pero a idea é poder dar cabida a todos os concertos de artistas galegos que soliciten ser incluídos dentro deste formato.
As propostas deberán estar sempre enfocadas á presentación de novos traballos discográficos ou á organización de eventos musicais extraordinarios –ben por unha especial combinación de artistas ou ben por un repertorio específico–, pero nunca como parte dunha xira de concertos convencional.
ST Música Presente iníciase cun primeiro ciclo de seis concertos promovidos polas empresas discográficas Nonsí, Zouma, Falcatruada, Nalgures Producións e Abada. A primeira das citas será a do grupo Linho do Cuco o 18 de marzo, á que seguirán as actuacións do gaiteiro Anxo Lorenzo o 24 de marzo e de Emilio Rúa o 26 de marzo. Xa en abril, tocarán Álvaro Vieito Cuarteto (día 20), o colectivo Ophiusa (día 27) e Bellón Maceiras Quinteto (día 30). Deste xeito, a música popular, a canción de autor, o jazz, o folk tradicional e o folk fusión protagonizarán a primeira quenda de recitais deste novo programa, que conta con ter máis edicións despois do verán, para contribuír a enriquecer a programación do Salón Teatro.
DAS RÚAS AOS ESCENARIOS
Linho do Cuco, o grupo que inaugurará este novo ciclo para a semana, naceu en forma de cuarteto de pasarrúas, até converterse no que é a formación actual: unha sorte de “murga” tradicional, á que engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico, segundo eles mesmos se definen.
Nos seus comezos o grupo tiña como obxectivo recoller e recuperar a música tradicional das terras de Tabeirós e de Montes. Co paso do tempo, mantívose unicamente o grupo de gaitas, que se foi enriquecendo con outros instrumentos ata formar unha especie de murga ou orquestina, como as que se podían escoitar en Galicia a comezos do século pasado. O truco das mesturas deste Linho do Cuco radica na forza da acertada combinación de timbres sonoros (tuba, clarinete acordeón diatónico…), co cal é practicamente imposible que o público non mova os pés ao escoitar unha das súas pezas musicais.
Fonte: Xornal.com