Baía Edicións

Galego | Castellano | English

A Agadic pecha as axudas ao cine con outros cinco millóns

2010-08-27

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a adxudicación dun total de 4,9 millóns de euros en axudas a un total de 38 empresas audiovisuais galegas para a realización de 43 producións e coproducións das que 13 corresponden a longametraxes, sete a películas de televisión e 23 a documentais.

 

Segundo explicou a Agadic, con esta xeira complétanse as liñas de subvención ao audiovisual galego, ao que a entidade destina un total de sete millóns de euros a través das seis modalidades convocadas este ano.

 

Xestionado por segundo ano consecutivo a través da Agadic, o programa de apoio económico a este sector mantén unha tendencia ascendente respecto ao presuposto total comprometido, do que máis dun 70% corresponde a axudas para producións e coproducións audiovisuais que, á súa vez, experimentan un aumento de 130.000 euros na súa dotación respecto ao ano pasado.

 

Este incremento trasládase, así mesmo, á cifra de proxectos subvencionados, xa que o número de longametraxes pasa de sete o ano pasado a trece e os documentais de trece a 23.

 

Distribuiranse 3,3 millóns entre as longametraxes A cicatriz branca, de Nós Produtora Cinematográfica Galega; Conto de lobos de Félix Rodríguez de la Fuente, de Perro Verde; Lobos de Arga, de Vaca Films; O ouro do tempo, de Xamalú Filmes; O señor de Bembibre, de Ibisa Televisión; Onde está a felicidade?, de Filmanova; Os fenómenos, de Tic Tac; Persoal movie, de Sun Lúa; Querida Gina, de Artemática; Rosario, de Juan Ignacio Abia Carrera; Sinbad, de Ficción Producións; Vilamor, de Vía Láctea Filmes e A tropa de trapo na selva do arcodavella, de Abano.

 

Fonte: Xornal.com

Ver máis novas