Baía Edicións

Galego | Castellano | English

A Coruña e Lugo, as provincias con máis librarías por habitante

2010-03-10

A Coruña e Lugo son as provincias españolas con máis librarías en proporción ao seu censo de cidadáns, segundo un estudo elaborado por 11811. As terras coruñesas contan cun punto de venda de libros por cada 2.878 habitantes, mentres que a provincia de Lugo ten unha libraría por cada 3.200 habitantes.

 

Por detrás sitúase Asturias, ao contar cunha libraría por cada 3.381 habitantes, e a continuación, o estudo coloca Gipúscoa (3.513), Biscaia (3.580), Valladolid (3.598), Pontevedra (3.950), Xirona (4.225), Navarra (4.319) e León (4.466).

 

O estudo, que tivo en conta as provincias españolas con máis de 100 librarías, analiza o número, a distribución e chamadas a números de información telefónica sobre establecementos e grandes superficies de venda de libros en España, segundo informaron a Europa Press fontes da empresa de información.

 

Por outra banda, o estudo tamén confirma que a un mes da comercialización do iPad de Apple, que “podería revolucionar o sector”, os libreiros españois non se mostran preocupados, e ademais, segundo outro traballo da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (Cegal), só unha de cada tres grandes librarías comercializa neste momento e-readers ou portatextos. Concretamente, o 35% das librarías moi grandes e o 20,5% das grandes comercializan os e-readers, fronte a só o 8% das medianas grandes e o 5,1% das medianas pequenas.

 

AUMENTAN AS VENDAS DE LIBROS

Por outra banda, a subsecretaria do Ministerio de Cultura, Mercedes Elvira del Palacio, destacou onte o continuo incremento das vendas no sector editorial, a pesar da crise, cunha facturación que alcanza os 3.000 millóns de euros en España e 450 millóns de euros no mercado internacional. Respecto ao libro dixital, Del Palacio dixo que en 2009 facturou 45 millóns de euros.

 

Durante a Comisión de Cultura, celebrada onte no Congreso dos Deputados, Del Palacio subliñou que o sector editorial español ocupa o terceiro ou cuarto posto no contexto internacional e apuntou que, para o Goberno e o Ministerio de Cultura, o apoio ao sector editorial é unha “prioridade”, xa que se trata dunha industria central. Nesta mesma liña, o recordou que o 91% dos adolescentes confesan ler polo menos media hora diariamente e anunciou que España será invitada de honra, este ano, en varias feiras internacionais relacionadas coa edición, en lugares como Nova York e Turquía.

 

Fonte: Xornal.com

Ver máis novas