A fotoxornalista Marisa Flórez expón a súa visión da muller en Santiago
Marisa Flórez comezou a gañar a vida cunha cámara de fotos en 1971, sendo unha das primeiras mulleres de España en traballar como reporteira gráfica. En 1976 entrou no diario El País, onde chegaría a ser redactora xefa de fotografía e onde hoxe ocupa o cargo de editora gráfica. Ata os 90 foi testemuña constante de grandes momentos da actualidade e da Historia española, e do seu extenso arquivo seleccionou 39 imaxes cunha temática concreta, os seus mellores retratos femininos, para a mostra Mulleres, que onte se inaugurou en Compostela.
Baixo a organización da Deputación Provincial da Coruña, Mulleres abriu onte as súas portas na Aula Sociocultural Caixa Galicia de Santiago. Non é, segundo explica Marisa Flórez, unha mostra reivindicativa, senón “un catálogo de mulleres que teñen destacado dun ou doutro xeito, cada unha na súa área profesional”. Amosa fotos dun intervalo de vinte anos, nas que tamén se pode ver como “o rol social da muller foi cambiando”.
Polo obxectivo desta fotógrafa leonesa pasan rostros como o da Pasionaria, entrando por primeira vez nas Cortes Constituíntes en 1977, do brazo de Rafael Alberti; ou o da xornalista Oriana Fallaci, no mesmo ano, ante a tumba dos últimos fusilados polo réxime de Franco. Están tamén Chavela Vargas, tras o seu regreso á canción en 1993, logo duns anos de parón; Santa Teresa de Calcuta xunto á Raíña Sofía, nunha visita en 1986; ou Lola Flores, con bágoas nos ollos logo de saber que Facenda lle reclamaba cartos, no ano 1987.
Son escenas que Marisa Flórez aínda se emociona ao lembrar, porque “son recordos moi agradables, tanto a nivel profesional, porque foron moi reproducidas, como a nivel persoal, por poder ser testemuña de grandes escenas”. Pero non todo son caras coñecidas, completan a mostra as mulleres anónimas como monxas, presidiarias, bailarinas rusas, gardas civís ou amas de casa de etnia xitana, nun gran abano social de roles femininos.
OS FOTÓGRAFOS SON XORNALISTAS
Ao ollar para a súa propia carreira, a leonesa asegura que nunca tivo problemas por ser muller nun mundo, o da cámara, xeralmente dominado polos homes. “En calquera caso, da gusto ver como aumentou a presenza de mulleres neste oficio, tanto as redactoras como as fotógrafas”, di Flórez, xa que para ela, os reporteiros gráficos son tan xornalistas como os que escriben.
Fonte: Xornal.com