A Xunta advirte de que aplicará a lei contra os ‘insubmisos’ ao decreto
A poucos días do inicio do curso escolar, a aplicación do novo decreto do plurilingüismo promete levar o conflito ás aulas. Ante os cálculos sindicais de que máis de 3.000 docentes obviarán a norma para seguir dando as clases en galego, a Xunta non recúa. Fontes da Consellería de Educación consultadas por este diario din confiar “na profesionalidade” dos mestres, dos que supoñen que “aplicarán a lei” que lles obriga a dar certas materias en castelán aínda que leven anos impartíndoas en galego.
No entanto, e ante unha posible insubmisión ao decreto, Educación xa advirte que “o departamento de Inspección actuará como actuaría ante calquera denuncia en calquera outro ámbito”. Iso si, avisan que “non hai ningún plan excepcional” respecto á norma que regula as linguas nos centros. “Non hai ningunha indicación, nin seremos cans de presa na procura de profesores rebeldes”, aseguran.
Desde Educación non confirman se abrirán expedientes, pero confían en que os profesores “apliquen o decreto, ao igual que outros aplicaron o anterior malia non estar de acordo con el”, e din que non agardan “unha rebelión masiva á norma”.
Así, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, recordou onte que os docentes galegos deberán cumprir “coa legalidade vixente e aplicar o novo decreto”. Nunha entrevista no programa Bos Días da TVG, sinalou que “hai que facer un exercicio de responsabilidade e cumprir con esta normativa do mesmo xeito que o curso pasado cumpriamos coa que estaba en vixencia malia non estar de acordo con ela”.
Os sindicatos maioritarios no ensino, CIG e STEG, cren, no entanto, “impensable” que os mestres que se rebelen contra o decreto sexan expedientados.
Desde a oposición, o BNG xa amosou o seu futuro apoio a estes docentes e aclarou que vería “como unha declaración de guerra” as posibles “represalias” aos profesores. Ante estas declaracións, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, considera “sorprendente que un partido político chame a non cumprir a normativa”.
“Poñámonos no caso de que un país non cumprise a normativa”, expuxo Vázquez, quen se preguntou “para que están entón” as autoridades, as administracións públicas e os parlamentos. Por iso, concluíu que “algunhas declaracións xa caen polo seu propio peso”.
O PPdeG foi máis aló e considera que “o BNG mostrou a súa faciana máis intolerante e irrespectuosa”. O voceiro de Educación popular, Román Rodríguez, cre “inaudito que unha forza política faga un chamamento ao incumprimento dunha norma legal aprobada por un goberno democrático”. “Parece que o BNG non respecta as decisións dos cidadáns e confunde a súa particular visión ideolóxica coa realidade”, afirma o deputado popular.
Román Rodríguez lembra que o profesorado “ten dereitos e obrigas” e lamenta que os nacionalistas intenten “manipular os estudantes”.
Pola súa banda, o PSdeG prevé “un inicio de curso moi conflitivo” provocado “pola ruptura do consenso lingüístico” por parte do PP. Ademais, e aínda que non anima a incumprir o decreto, Guillermo Meijón, voceiro socialista de Lingua, xa advirte que o partido “estuda que tipo de protestas vai artellar” para opoñerse á norma. Os socialistas aclaran, ademais, que son moitos os mestres “descontentos” coa norma, “incluídos aqueles que si teñen pensado aplicala”.
Fonte: Xornal.com