Berrobambán asalta a Nasa co seu ‘Pressing Catch’ teatral
A compañía Berrobambán xa se atopa na compostelá Sala Nasa preparando a que vai ser a estrea este xoves da súa nova obra teatral, Pressing Catch. Escrita por Paula Carballeira, a peza achega reflexións sobre a violencia máis mundana, aquela que se atopa á volta da esquina e á que todo o mundo está afeita.
O reparto está constituído por catro actores que representan cada un dos prototipos de violencia urbana que reflicte este Pressing Catch. Chiqui Pereira daralle vida ao árbitro, Hugo Torres encarnará o avogado sen escrúpulos, Anabel Gago interpreta unha poligoneira e a propia Paula Carballeira métese na pel da Chorona, unha muller de mediana idade que emprega a súa amargura para o seu propio beneficio. Á fronte de todos eles, Quico Cadaval encárgase da dirección.
“É unha obra de teatro violenta, que abre unha nova vía para os artistas empregando un elemento da subcultura tan particular como é o do loita libre”, explicou Quico Cadaval na rolda de prensa para presentar a obra de teatro.
NACEMENTO NO CDG
A obra que representará Berrobambán tivo as súas orixes no Centro Dramático Galego, cando Paula Carballeira escribiu o texto para un obradoiro dramático. Nese momento, Chiqui Pereira descubriu o libreto e decidiu que Pressing Cath estaba feito para Berrobambán. Despois, a compañía buscou un director que buscase subirse ao ring e pensaron en Quico Cadaval. “O que máis me chamou para aceptar o reto desta obra foi que Paula Carballeira escribiu a obra dun xeito que xa non é habitual: escribiuna sen pensar o que conviña, simplemente escribiu o que quería escribir”, sinalou Quico Cadaval.
Aquelas persoas que asistan aos pases da obra o xoves, o venres, o sábado e o domingo, poderán gozar dos valores engadidos que ofrece a compañía Berrobambán con este espectáculo. “Todos os espectadores poderán conseguir o libro Pressing Catch, publicado por Positivas, e o cd que se realizou coas cancións gañadoras do concurso que realizamos o pasado mes de novembro”, explicou na presentación Chiqui Pereira. O libro e o cd custarán cinco euros cada un, pero comprados os dous xuntos sairán por oito euros.
Dende onte, a Sala Nasa acolle os ensaios para a estrea do xoves. Non obstante, o ring seguirá disposto no mítico espazo cultural compostelán toda a fin de semana e o venres 18, sábado 19 e o domingo 20. En total, a obra de Berrobambán contará con sete pases, aos que Xornal quere convidar os seus lectores. Os interesados terán que chamar ao 902 212 444 ou enviar un correo a concurso@xornaldegalicia, indicando o DNI, o seu nome completo e o día da asistencia. En total, hai 70 entradas para lectores de Xornal e cada convite é para dúas persoas.
Fonte: Xornal.com