Baía Edicións

Galego | Castellano | English

Galicia non convocará oferta pública de emprego en Educación este ano

2012-02-01

A Xunta de Galicia decidiu non convocar oferta pública de emprego este ano no sector educativo polo custo que suporía realizar o proceso con moi poucas prazas. Así transmitiu a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aos voceiros sindicais reunidos en mesa sectorial.

Segundo explicou a Europa Press José Fuentes, de CC.OO Ensino, o departamento dirixido por Jesús Vázquez escudouse na taxa de reposición do 10 por cento imposta polo Goberno central (agora gobernado polo PP) para argumentar que "sería moi caro convocar oposicións" para tan poucas prazas.

Neste sentido, Fuentes recordou que Educación "non se situou en contra" deste indicador e acusou o departamento autonómico de aplicarse a eles mesmos unha taxa reducida "para utilizalo de argumento".

FETE-UGT tamén se referiu "á primeira actuación conxunta do novo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación", ademais de apuntar as consecuencias que terá "ante a grave situación económica e laboral" da sociedade.

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, trasladou a súa "preocupación" por "unha Consellería que se supedita a mandatos alleos e ao que lle vén marcado polo Partido Popular de Génova". "Unha mostra de total servilismo en detrimento da calidade do ensino e a creación de emprego", sinalou, tras recordar que "nin en 2009 nin en 2011" houbo convocatoria de Secundaria e que este ano "non a haberá en ningún centro educativo".

Louzao advertiu de que esta decisión afectará á atención á diversidade do alumnado, provocará maior precariedade laboral con "cadros de persoal máis inestables", ademais de prever "redución de profesorado nos centros e supresión de unidades".

Pola súa banda, Educación defende que as diferentes comunidades autónomas, na reunión mantida en Madrid, chegaron á conclusión "maioritaria" de esperar ata 2013 para convocar novas prazas (ás que agregarán as de 2012) e avanzou que solicitará "unha maior taxa de reposición" ao Goberno central.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, considerou que, deste modo, se evitaría realizar o esforzo loxístico que implica unha convocatoria á que adoitan concorrer miles de aspirantes. Así e con independencia das xubilacións, a Xunta recorrerá aos profesores interinos necesarios "para garantir" a calidade do ensino nos centros.

PROTESTA

Ante a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a CIG-Ensino convocou unha protesta ante as instalacións de San Caetano "para reclamar unha oferta de emprego público que de cobertura ás necesidades do ensino" en Galicia.

 

Fonte: galiciahoxe.com

Ver máis novas