Rodribico co inicio do cole
Ir polo monte é toda unha aventura. Aproveitar as vacacións para facer unha ruta de sendeirismo cos nosos papás e coñecer o medio que nos rodea é ademais de saudable, unha actividade que pode resultar do máis didáctica, xa que podemos aproveitar para ensinarlles aos nosos pequenos valores transversais que máis dificilmente aprenderán nas aulas. Dende o respecto ao medio podemos amosarlles o importante da conservación e o perigo que reside en alterar os ecosistemas onde habitan os animaliños do monte.
Hoxe presentamos un amigo moi especial que protagoniza toda unha colección. De seguro que viviremos mil aventuras con el e descubriremos canda el as cousas e os animais que o rodean. O protagonista chámase Rodribico e de momento podemos atopar en Baía Edicións cinco números nos que esta pega marza fai das súas. Os libros titúlanse Rodribico aprende a voar, Rodribico e o mar, Rodribico vai ao circo, Rodribico visita a cidade e Rodribico e a noite. Baía Edicións inicia así unha colección dirixida ao público infantil a partir dos 3 anos e integrada por dez títulos.
Da autoría do xornalista Manuel Guisande, representa a súa primeira incursión no mundo da literatura e máis concretamente na literatura infantil. O recoñecido ilustrador betanceiro –tamén colaborador nalgún dos relatos– Xosé Tomás pon o punto de cor coas súas ilustracións cheas de detalles.
O seu protagonista, Rodribico, unha pega maza que ten a súa casiña nunha fraga, entre baño e baño, comida e comida, que son as dúas cousas que máis lle gustan, vive moitas experiencias coas súas amigas e cos seus amigos, ao tempo que nos invita a coñecer todo o que aprende nas súas aventuras de recoñecemento do mundo que o rodea. En Rodribico aprende a voar invítasenos a coñecer a Rodribico, un pequeno paxariño ao que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. El habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comidas que unha ave pode desexar. Rodribico tolea polas castañas e xa de inicio amosa unha curiosidade inusitada que fará que voe e voe. Os tamaños dos demais habitantes e as formas das cousas que integran a natureza axudarán os nosos pequenos a diferencialos.
O noso aventureiro na segunda aventura que leva por título Rodribico e o mar descobre as diferenzas que existen entre os dous hábitats: a montaña e o mar. A pequena ave nunca viu o mar nin o seu ecosistema e cando chega despois dunha viaxe moi dura ao principio só aprecia a cantidade de auga que hai no mar e o salgada que é. As estrelas do fondo do mar farán que pense na súa casiña e na vista que ten desde o seu niño, un gran castiñeiro, pode contemplar cada noite de luar.
En Rodribico vai ao circo a pequena pega descobre preto da súa casa o mundo máxico do circo. Sen chamar moito a atención verá cebras, porquiños bailando, cans que saltan uns por riba doutros ou o animal máis fero do mundo. A Rodribico impresionaralle ver como o fero león é moi doce co seu pequeno bebé, por que ao final os papás e as mamás queren todos moito os seus pequechos.
Unha tarde de verán Rodribico xogando ás agachadas coas pulgas Casimírez escoita a voz de Ernesto de Xunqueira dos Santosbico que fala do que sucede na cidade. Morto de curiosidade emprende unha viaxe cara á cidade na compaña das pulgas. Rodribico visita a cidade fala de como este paxariño que vive nunha inmensa árbore coñece novos amigos na cidade.
Unha noite que non pode durmir decide dar un paseo e descobre que hai animais que nunca dormen. En Rodribico e a noite o noso protagonista ármase de pucho e abrigo a xogo e dunha lanterna para ver mellor. E andando e andando con moito valor verá moitas cousas. Como xogan ás cartas os lobos e como baila unha samba o gato co rato. Todo isto e sobre todo, como esvaece o seu medo na escuridade.Fonte: El Correo gallego